A construción dunha esquerda nova tras o 20N

A xestión da crise e as renuncias do Partido Socialista en favor do neoliberalismo (reforma constitucional, laboral, das pensións…) abriron un novo ciclo de hexemonía da dereita, non vista probablemente dende a ditadura franquista. Mais agora, a derrota do movemento obreiro e da esquerda tradicional vén dada pola non comparecencia no campo de batalla dos seus dirixentes; só o movemento plural, aínda confuso do 15M e os tres millóns de afiliados dos sindicatos, quedan fronte á hexemonía conservadora.

Nos anos noventa Adam Schaff(1)afirmaba que o xiro ao liberalismo dos socialdemócratas traía consigo que os antigos comunistas ocuparan o espazo ideolóxico dos anteriores. Evidentemente, a responsabilidade da socialdemocracia oficial do PSOE é fundamental; pero tamén a falta de alternativa tanto do nacionalismo galego como dos sucesores do PC vén dada porque substancialmente defenden o mesmo modelo, e porque ás súas prácticas políticas son de feito intercambiables. É dicir, fáltalles programa e acción reais na sociedade. Isto explica o rexeitamento da inmensa maioría da poboación, a forza do “todos son iguais” e do “non nos representan”.

A falta de conexión directa cos partidos de esquerda do movemento plural representado polo 15M, xunto a que o triunfo do PP vén dado pola desafección dos traballadores e das clases medias polas listas electorais das esquerdas tradicionais, abre unha etapa inmediata de deslexitimación do parlamentarismo e do actual sistema de partidos. Nun momento onde o PP fala dunha “nova transición histórica” co pretexto de romper os consensos constitucionais e pechar o ciclo político que naceu co Referendo de 1978. Unha dereita coas raíces nunha Alianza Popular que recollía a sectores do tardo franquismo, que se viron na obriga de sumarse á democracia se non querían ser laminados. Agora, coa crise das esquerdas e de sociedade que padecemos, permítelles apostar por un sistema onde a maioría da poboación non se sinta representada (abocándoa á auto-marxinación política), e avogando por un réxime “censitario” similar ao do século XIX.

Dende o socialismo oficial non entenderon que a renuncia a intervir politicamente na economía, a falta dun poder certo dos traballadores – a súa verdadeira base social – e dos seus sindicatos na xestión directa das empresas, impide o desenvolvemento dunha democracia real. O traballo segue a ser o eixo central da nosa sociedade, e se se desenvolve en condicións abusivas en favor da patronal, a democracia é imposible; incluso políticas sectoriais como a conciliación da vida familiar ou de igualdade de xénero caen, xa que non teñen base de apoio. E aí están as propostas da CEOE a prol dunha auténtica ditadura do capital. Volveremos ás mobilizacións polos dereitos de folga, manifestación e opinión, xunto coas actuais provocadas pola avaricia dos financeiros?

Outros elementos son a parálise do movemento sindical e a súa unidade. Durante anos foron construídas grandes burocracias sindicais, que agora a dereita aproveita para pór en cuestión cos recortes de liberados; mais os sindicatos son os únicos con suficiente masa crítica para abordar o día a día. Deberán politizar aos seus cadros, simplificar estruturas e adiantar a fusión entre UGT e CCOO, así como buscar a unidade coa CIG e o SLG; abordar uns novos modelos de representación e relacións cos traballadores, alén do actual sistema de competencia electoral.

O asunto central é cómo artellar unha democracia de calidade, xa que segue sen resposta cómo imos liberar as forzas necesarias para organizar a esquerda no medio-longo prazo. O 15M debera ser a transición dende a esquerda tradicional, pero aínda non é a “esquerda nova” que poida hexemonizar a loita democrática cara ao socialismo. Entre outras cousas, teñen que clarificar onde están, se van á converxencia co resto da esquerda social e cos sindicatos de clase, ou acabarán por se converter nesa “extrema esquerda antisistema” da que fala Aznar; é dicir, esfumarse fronte ás ondas reaccionarias que trae o PP. A falta de contido de clase na crítica, leva á intranscendencia práctica, que mobiliza pero non transforma.

Así, vemos como o programa “difuso” e “radical-democrático” do 15M é perfectamente asumible dende a socialdemocracia keynesiana, pero será capaz de ir máis alá, ademais nun momento de cambio de hexemonía no capitalismo global? O movemento nace porque a xeración española mellor preparada, moitos deles universitarios, atopan que non teñen posibilidade de acceder a empregos que lles garanta un alto nivel de vida. O neoliberalismo abócaos á máis absoluta e perpetúa precariedade; son proletarios ilustrados cunha inmatura formación política que ás veces provoca a irracionalidade no seu movemento, pero deben decidir se aspiran a integrarse nas clases medias ou suman os seus esforzos para revitalizar a unha clase traballadora que hai tempo, a falta de liderados serios, esqueceu que o seu obxectivo segue a ser a súa propia emancipación. A clase traballadora debe deixar de ser subalterna, para hexemonizar a construción da verdadeira democracia. Será posible a incorporación do 15M a este proxecto emancipador?

O que si parece determinar é un novo modelo de funcionamento de tipo horizontal, que permite a militancia e a mobilización, fronte a estruturas supostamente unitarias e fortemente centralizadas. Pero non teñen resolto cómo artellar fórmulas territoriais amplas de tipo federal; e cómo superar a nula presenza nos partidos de esquerda.

A construción da esquerda dentro do Partido Socialista, do nacionalismo galego e tamén do conxunto de IU, son tarefas a abordar por aqueles que queren transformar democraticamente a sociedade, así como a interacción bidireccional co chamado 15M; nunha perspectiva europea que enfronte o parcelamento nacional das loitas (portugueses, gregos…), e que tan ben lle vén á dereita para impoñerse. A renuncia a construír as esquerdas dentro dos partidos tradicionais é a renuncia á política.

De aí a necesidade de analizar a causa da derrota destas esquerdas dentro dos seus propios partidos, que se ben seguen a ser organizacións fundamentalmente enraizadas na clase traballadora, sofren todos eles unha excesiva mesocracia, o que posibilita o despotismo ilustrado e a negación da democracia interna, desvencellados dos propios traballadores aos que formalmente representan (estamos basicamente nun discurso de clases medias asentadas que aspiran a emular ás clases altas). As Primarias e a participación directa incluso dos simpatizantes non afiliados (que obviamente os militantes ven a estes últimos con certo receo) son mecanismos a afondar. Serán posibles amplas plataformas e/ou coalicións entre os militantes organizados e os movementos sociais?

Temos, ademais, a necesidade de traballar xuntos para izar unha alternativa crible contra a dereita en Galicia, así como da necesidade dunha ampla fronte de esquerdas federal, ou cando menos, candidaturas unitarias ao Senado.

Hoxe, renunciar a isto ou a tirar da socialdemocracia cara á esquerda, é tanto como suxerir que a maioría dos traballadores/as son de dereitas ou que a esquerda queda reducida a menos dun 10% do electorado. Na práctica a renuncia a ensaiar calquera proxecto de transformación social.

Para esta esquerda nova necesitamos dunha militancia activa e constante, que viva a mesma realidade dos e das traballadoras. Conscientes de que o avance da democracia e do Estado de Benestar leva á confrontación coa dereita, e que os pactos con ela serán sempre transitorios e precarios. Unha clase obreira ilustrada con achegas de novos cadros universitarios que, nun debate sobre a reconstrución da esquerda, Santiago Carrillo(2)prevía que virían procedentes das ONGs, e agora deberan vir dende o 15M (igualmente non garantido a falta dun foco de atracción para o exercicio da militancia). Pero, militantes sociais que xa constrúen asociacións da esquerda plural como Fuco Buxán (filla da revista Razón Socialista)(3), Inflexió, o Foro Social de Ferrolterra e outros moitos (Namentras, Ben Común, Socialismo 21…), que a curto prazo teñen que artellar a resposta social en defensa do público fronte aos recortes e privatizacións da dereita (e no caso do ensino hai ademais unha batalla ideolóxica para abortar a formación dos traballadores e sectores progresistas das clases medias, que poidan declararse en rebeldía).

Estamos ante o reto de construír un novo bloque histórico, político e cultural de esquerdas en términos gramscianos. Socialista en sentido pleno, anti e postcapitalista. Sabendo que sempre hai un camiño, senón o crearemos.

 Notas numeradas:

  1. Perspectivas do Socialismo Moderno. Reflexións dun marxista polaco. Sistema-Crítica. Páx 66.

  2. La Gran Transición. ¿Cómo reconstruír la izquierda? Editorial Planeta.

  3. A revista Razón Socialista foi fundada en 1995 – por militantes da Agrupación Socialista de Ferrol – dando participación inmediata a persoas de todas as esquerdas, e que conxuntamente en 1999 fundarían Fuco Buxán.

Nota á marxe: Lémbrovos que hai unha versión reducida e publicada no Diario de Ferrol o 5 de decembro de 2011, que levou o título “Unir as loitas e re-construír a esquerda”.

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.