Outra sentenza contra Reganosa

Mañá domingo será a manifestación contra Reganosa. Máis esta vez hai novas importantes e que son moi saudables, para a loita democrática do pobo de Ferrolterra contra a maior agresión medioambiental e para a vida das persoas que sufre Galicia. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acaba de decretar a ilegalidade da modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Mugardos polo que se daba cobertura á perigosa, ilegal e non legalizable planta de gas dentro da ría.

Ademais, o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol acaba de presentar ante a Fiscalía especial anticorrupción unha denuncia por presunto enriquecemento ilícito, onde están ademais implicados o anterior Presidente da Xunta e o seu ex Conselleiro de Economía, Srs. Fraga e Orza, respectivamente, como responsables políticos.

Tamén, a Unión Europea aceptou a trámite reiniciar o expediente aberto ao Goberno español por presunto grave incumprimento das directivas europeas de medio ambiente.

Talvez, aqueles “asesores” da actual Xunta de Galicia, e que aconsellaron aos seus titulares do PSdeG e BNG, “deixar facer” a Reganosa, teñan moito que explicarlles como lles meteron neste desaguisado. Un par de suxestións: que se desfagan deses “asesores” e que busquen unha saída política ao conflito, e iso só pasa porque a Planta de Gas non estea dentro da ría de Ferrol.

Lembrade: Domingo 8 de xuño, ás 12 horas no Peirao de Curuxeiras de Ferrol Vello. Manifestación.

Arriba tedes o vídeo da roda de prensa do Comité Cidadán, e aquí seguido podedes baixarvos o son musical da loita popular contra Reganosa.

Balakandra (“Ou iso parecía”)

Cuña radiofónica Radio Filispim

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.