#FeijóOFF

O Presidente Feijóo iniciaba onte a precampaña co debate parlamentario da situación galega. Vaino ter moi difícil, a pesar da morea de iniciativas que van vir do seu novo Conselleiro Rey Varela, pero que so é un recoñecemento de que as políticas económicas da dereita son as culpables de que a xente viva moito peor.

Ata que se convoquen as autonómicas viviremos nas incertezas da crise. Aqueles que crían que a política non tiña influenza na súa vida deben estar tirándose dos pelos. Que mal lle sentaron a este país a liberalización do chan de Rato e Aznar e o austericidio de Feijóo! Precariedade e emigración.

Temos a un Feijóo que non logra tapar os seus propios buratos, que só móvese a golpe de mobilización cidadá. Os tempos son chegados para un Besteiro que lidera a nova alternativa galega, á marxe de que antes toca renovar ao PSdeG en cidades como Ferrol.

DF15out2015

De Saldo

O expresidente Aznar e o seu exbanqueiro Rodrigo Rato liberalizaron o chan, provocando a burbulla inmobiliaria e a situación que padecemos. O presidente Feijóo non atopou mellor saída que vender os activos galegos e poñelos de saldo. Xa non quedan grandes empresas en mans do país. O Galicia Calidade resulta ser mera propaganda autocomplacente.

Unha de esas empresas que se venderon de saldo foi a nosa Caixa Galicia. Creada do esforzo e os aforros das nosas xentes e que cunha neglixente xestión foi, dolosamente, bancarizada para finalmente vender á banca privada venezolana.

Agora, os novo donos de Abanca acaban de facer saber aos seus empregados as súas normas. Tanto eles, como os seus familiares, deben pedir permiso para ter compromisos políticos ou sindicais. Evidentemente, trátannos como unha república bananeira. Grazas a Feijóo, somos un país de saldo.

Enlace a Diario de Ferrol.

Feijóo espera

Os traballadores de Megasa queren ser recibidos polo Presidente de Galicia e non por capricho. Foi el quen abanderou a defensa daquela multinacional afincada na mariña lucense. Atravesou o Atlántico para ir falar cos propietarios e obrigou ao Ministro de Industria a modificar as bonificacións da chamada interrumpibilidade eléctrica.

Mais, esqueceron ter unha visión global e facendo oídos xordos ás alarmas da Comisión Nacional da Enerxía, sobre os riscos de provocar situacións de discriminación e competencia desigual, provocáronlle a Megasa e aos seus traballadores un grave problema.

Di o Conselleiro de Industria que están facendo xestións para restituír o dano causado. Aquí, tamén é necesario o compromiso explícito do Presidente. Para reforzar a presión sobre o Goberno de España e para tranquilizar ás familias. Pero, Feijóo espera… a que escampe.

Enlace a @DiarioFerrol.

Blog en WordPress.com.

Up ↑