Por fin, cambio de goberno. Hai tempo que ando a dicir que non se podía esperar a que pasaran as eleccións europeas, que Zapatero tiña que retomar a iniciativa política que lle corresponde como Presidente do Goberno de España, e como líder do PSOE. Tamén, queda claro – á marxe do xeito de como se dá a coñecer a boa nova – que colle a toda a dereita mediática e ao PP co pé cambiado.
Os feitos amosan que só o propio Presidente Zapatero marca os seus tempos políticos; iso evidénciase nunha semana onde – desde o G 20, a Cume da OTAN, a Alianza de Civilizacións e a tan famosa foto con Obama – deixa claro que hai moito partido que xogar. Aínda que o PP xa anunciara, hai uns días, unha suposta moción de censura, para frear un suposto desgoberno.
Hai capacidade de resposta desde a esquerda, e ademais, ábrese a esperanza dunha alternativa viable en Galicia dentro de catro anos con Pepe Blanco, hoxe – segundo a propia prensa – Ministro in pectore de Fomento; que co ascenso da galega Elena Salgado, a falta da confirmación da noticia e de que sigan Elena Espinosa e Caamaño, marca a existencia do maior lobby galego habido en Madrid.
Tras isto, quero recomendar ler a Vicenç Navarro e Juan Torres, nas súas análises sobre o papel xogado polo Fondo Monetario Internacional, o Banco Mundial e a Organización Mundial de Comercio. É evidente, que no G – 20 non houbo análise de fondo do fracaso neoliberal que nos trouxo a peor crise económica desde a primeira metade do século pasado. Parece deducirse que os acordos destes días van na liña de destinar máis cartos para tapar os furados dos bancos metidos a especuladores, e dunha xenérica referencia a un certo control dos movementos dos capitais financeiros.







