Santiago Carrillo tivo unha gran vinculación con Ferrol e Fuco Buxán. Ser un dos fundadores desta asociación permitiume ter contacto directo con el. Vén de editarse o seu derradeiro libro “Mi testamento político” (Galaxia Gutenberg 2012), eu tiven que abrir o libro pola parte dedicada á súa relación co profesor Enrique Tierno Galván.
Soará a inmodestia, pero vin reflectida unha conversa nosa. Hai tempo, pregunteille por unha hipotética fusión PCE-PSP. Díxome que el desbotara a proposta de Tierno Galván dunha coalición. Que o seu erro foi non ver que Tierno podía ser alcalde de Madrid. O certo era que o PCE eurocomunista e o PSP marxista, eran partidos fronteira.
Di Tierno Galván en “Cabos Sueltos” que o Eurocomunismo era unha especie de “socialismo de reserva, que sustitúe en moitos sitios, lentamente, as posicións cós socialistas antaño tiñan”.
O Primeiro de Maio de 1995 aparecía o número cero de “Razón Socialista”, é dicir, hai xa dezasete anos. Esta revista foi produto da reflexión dun grupo de militantes, que cansos da situación interna do seu partido, decidiron apostar por ter un voceiro propio, para así dirixirse ao conxunto da sociedade de Ferrolterra e, dende o seu momento inicial, dar cabida nas súas páxinas a todas as voces da esquerda plural e do nacionalismo progresista.
Isto fai que o lema da súa cabeceira sexa: “Pola rexeneración da esquerda”. Co tempo a revista vai ser o xermolo en 1999 da Asociación Cultural Fuco Buxán, unha entidade apartidaria, plural e de esquerdas, que entende a cultura dende unha perspectiva gramsciana, é dicir, que considera a cultura como un elemento de transformación social, tanto na conformación dunha opinión pública afín a unha nova hexemonía progresista, como na formación dun novo bloque histórico, que aglutine ao conxunto das forzas políticas, sindicais e sociais en favor dun avance radical da democracia e da clase traballadora.
Hoxe en Sargadelos, cun novo número, acompañaremos ao seu director José Torregrosa. Con nós estarán Carlos Etcheverría (expresidente do Ateneo Republicano de Galicia) e o artista e dirixente de Esquerda Unida, Suso Basterrechea. Permítanme achegarlles esta invitación, para xuntos encontrarnos neste foro e buscar ese camiño á esquerda de saída da crise.
Se por algo caracterízase Ferrolterra é polo seu dinamismo social. Sempre estivemos na vangarda democrática e da esquerda. Por iso, non é estraño que o 24 e 25 deste mes celébrese no Campus de Esteiro o primeiro Foro Social comarcal, nunha versión autóctona do Foro Mundial e fillo do Galego.
Necesitamos encontros cidadáns para dende a liberdade, na liña de pensar globalmente e actuar localmente, falar da calidade democrática, doutra política económica, do decrecemento e doutro modelo produtivo, duns medios de comunicación con información veraz e responsables, doutro modelo de xestión municipal e participativa, de que cousa é agora vivir ben… Para isto a convocatoria do Foro Social de Ferrolterra.
E precisamente – cando a maioría dos nosos políticos seguen na tarefa de implementar medidas neoliberais contra a sociedade que deberan defender – que os movementos sociais de Ferrol e comarca sexan capaces de sentarse para discutir sobre a realidade, propoñer accións e traballar en común, permítenos dicir que hai vida alén da reforma constitucional e do “pensamento único”.
A través dos movementos sociais, todos temos a oportunidade de opinar e influír, de marcarlle a axenda aos políticos, de ensinarlles que a democracia é moito máis que votar cada catro anos. Aproveitemos a convocatoria deste Foro Social e participemos nel como persoas libres, declarándonos polo tanto así en rebeldía.
Fuco Buxán acaba de presentar o libro editado por Laiovento, que Tareixa Ledo ten sobre a emblemática figura de Lidia Senra; que ademais reflicte a historia e intrahistoria do Sindicato Labrego Galego, de como construír unha organización de novo tipo, que ademais participa nun xeito de facer país dende unha postura anti–neoliberal e que racha cos estereotipos que hai do noso agro, incardinado no empoderamento das súas mulleres.
A cercanía a estas dúas mulleres, permite testemuñar de primeira man que a imaxe mítica de Senra, está de acordo coa realidade e no reflectido neste libro. Un liderado democrático, integrador, que comparte ideas, proxectos, poder e capacidade de codecisión fronte aos hiperliderados excluíntes.
Hai tamén no discurso de Senra e do SLG unha aposta transversal, que busca a nosa complicidade en temas tan dispares como a loita feminista, a solidariedade cos pobos, a soberanía alimentaria ou a loita contra a privatización dos recursos naturais; como exemplo a pretensión da actual Xunta de Galicia de expropiarnos as nosas augas para converter este ben público estratéxico nunha simple mercadoría con prezo e exportable segundo os intereses dos especuladores. Algún día tamén pretenderán expropiarnos o aire que respiramos.
En todo caso, o futuro dunha nova esquerda e de como seguir a construír país, depende moito da capacidade de criar liderados entrañables como o reflectido pola ex secretaria xeral do SLG.
Cando digo que o escritor ferrolán José Torregrosa ten cousas en común con Antonio Gramsci, non pretendo comparalo co gran pensador da esquerda europea. Máis, si afirmar ese vínculo que os une; ambos estiveron nas cárceres fascistas, e ambos escribiron as súas respectivas “Cartas” dende alí.
Explícome. O amigo Torregrosa este verán revisando vellos papeis atopou unha carpeta do seu pai. Dentro estaban as cartas que el mesmo escribía á súa familia dende o cárcere da Coruña. José Torregrosa foi procesado a raíz dun feito histórico fundamental para a Historia de Galicia: a represión franquista do 10 de marzo de 1972 en Ferrol. Lembremos que a ría ferrolá, xunto con Euskadi, Navarra, as áreas industriais de Barcelona e Madrid, e o campo cordobés eran as zonas onde había unha maior oposición organizada á Ditadura.
Directivos de Fuco Buxán con Susana Narotzky e Irene Sabaté
Do 22 ao 27 de marzo deste ano 2010, estiveron en Ferrol dúas antropólogas catalás – Susana Narotzky e Irene Sabaté – facendo un traballo sobre a Megasa Siderúrxica S.L., dentro dun estudo máis amplo da siderurxia en España, e tendo esta vez como centro principal de traballo a cuarta planta da sede da UGT. Na parte na que eu participei trata sobre as relacións que se establecen entre os traballadores da factoría, a empresa, o seu entorno e incluso como afecta as súas relacións familiares. As súas vertentes nas relacións intralaborais, sindicais, políticas, persoais… E esta tamén é unha primeira aproximación á historia social de Megasa, van volver máis adiante.
Quizais, outras das cousas que pasa con isto da antropoloxía é que de algún xeito son traballos que quedan inconclusos, sen rematar. Sempre hai posibilidade de darlle outro enfoque. Por iso, e como Narotzky xa estivo en varias ocasións aquí – ben invitada pola UNED, pola actual concelleira de cultura do Concello de Ferrol Mercedes Carbajales, ou pola Asociación Cultural Fuco Buxán – tamén estivemos falando sobre a transmisión da memoria histórica e a súa reelaboración para a acción política, os liderados carismáticos vs. liderados democráticos, a xénese dos movementos sociais, as estruturas circulares – horizontais dos movementos sociais democráticos fronte ás estruturas leninistas clásicas (absolutamente todos so partidos políticos son en maior ou menor medida organizacións de tipo leninista,militar), os 160 anos de movemento obreiro socialista e a necesidade dunha sínteses para unha nova praxis, Gramsci e o novo bloque histórico; e a xénese de Fuco Buxán… en fin, demasiadas cousas.
Hoxe é un mal día para o Presidente da Xunta de Galicia. A pesar de ser un día laborable, a pesar da presión mediática da dereita española, onte as rúas de Compostela estiveron ateigadas de xentes vida de todo o País, de todas as cores. Feijóo sabe que ten que rectificar co galego; reincidir no ataque ao País supón cuestionar a súa capacidade para dirixir o Goberno galego. Non hai Galicia sen galego. Non hai Goberno que resista contra o galego.
Claro que iso obrígalle a enfrontarse cos sectores máis carcas do PP español, con aqueles sectores que apoiándose nun mundo mediático de dereitas queren impor como única lingua oficial o castelán. A pretensión de inmersión lingüística en castelán, e a prohibición de facto das demais linguas españolas, queda fóra da Constitución e dos Estatutos de Autonomías das Nacionalidades Históricas; ademais, non deixa de ser un xeito de amosar o carácter separatista da dereita. Herdeiros históricos e histéricos de aqueles que expulsaron da unidade peninsular aos portugueses, agora parecen que non van parar até botarnos a galegos, vascos e cataláns.
España é a suma de todos os seus pobos e dos seus cidadáns, incluídas as persoas que veñen de fóra das nosas fronteiras, sexan estas europeas ou de alén. España é a suma das súas culturas e linguas.
Fuco Buxán estivo en Compostela, como parte desa babel de cores socio – culturais, políticas, sindicais, etc. Para pedirlle ao Presidente Feijóo que rectifique e volva ao campo democrático e de defensa desta cultura, deste País. De seguir facendo oídos xordos a sociedade galega terá dereito a abrir unha nova etapa política. Un Presidente que non exerce de galego debe dimitir e convocar eleccións para que os cidadáns teñan a oportunidade de reconducir a situación e pór ao fronte do País a quen si crea nel.