Ben Común

Á marxe das súas deficiencias, o 15M logrou implementar un amplo debate sobre a necesidade de revitalizar a democracia e impulsar a súa base material, o Estado de Benestar. Debate tamén transversal nas forzas de esquerda, aínda que estas andan máis preocupadas en asuntos internos.

Por iso, son tan importantes as propostas de plataformas como “Iniciativa Ben Común”, especialmente cando quen provocou a crise económica, e na esperanza de ocupar case todo o poder político o 20N, sobreactúa coa intención de xustificar a ruptura unilateral dos pactos da Transición e así, desmantelar o débil modelo social e político español nacido coa Democracia.

As propostas de transparencia e rexeneración democrática, de maior proporcionalidade na lei electoral, de priorizar as necesidades das persoas, a defensa da nosa identidade nacional como pobo; que dende a plataforma Ben Común están a propoñer deberan chegar a bo porto.

Quizais, a proposta de candidaturas conxuntas da esquerda para o Senado sexa difícil de artellar pola proximidade das eleccións xerais. Pero, tras reunirse con Esquerda Unida e o Bloque Nacionalista Galego, en breve os do “Ben Común” farano coa dirección nacional do PSdeG. Unha proposta necesaria e similar ao acordo entre as esquerdas catalás.

Que todas as propostas frutifiquen en acordos, abrindo novos vieiros para a construción dunha saída progresista á crise e dunha verdadeira alternativa política en Galicia.

Ver artigo no Diario de Ferrol.

Democracia

A indignación transformouse en acción colectiva no final da campaña electoral. E vimos que á “lideresa” Esperanza Aguirre a democracia real non lle gusta. Mais, ela é fiel ao seu liberalismo, que ben sabe naceu ao final da Revolución Francesa, por querer acabar coas ansias democráticas do pobo que tomou a Bastilla.

A “lideresa” sabe que na toma das Prazas das nosas cidades hai un xuízo público contra aqueles que trouxeron a crise e especulan con nós, mudados en mercadorías de baixo prezo. Sabe que, se ben a democracia non ten apelidos, cando é participativa e transformadora choca frontalmente co Capital. Sabe que a plena democracia leva ao socialismo.

Tamén os indignados pegáronlle un forte tirón de orellas a esa esquerda – que os debera representar – que andan perdidiños nas institucións: Crítica á renuncia do Partido Socialista, que asumiu como propio o programa de recortes da dereita; aviso a un PC que renunciou á súa propia tradición, reinventado unha socialdemocracia chica chamada IU; aviso a un nacionalismo transmutado nunha especie de PNV m-l, que na Xunta anterior pelexábase por saír na foto cos representantes do fraguismo económico.

A nova esquerda necesita madurar, crecer e consolidarse. Chámase democracia real, mocidade, xente, clase traballadora. E veñen cun programa clásico de esquerdas: defensa do público, supremacía da política sobre os mercados financeiros… Despertarán as esquerdas oficiais?

Enlace a Diario de Ferrol