Anotacións etiquetadas 'Carmelo Teixeiro'

Carmelo Teixeiro, un compromiso cos demais

O 9 de maio de 2007 entraba pola Ría de Ferrol o primeiro gasero cara a Reganosa. Ese mesmo día rompéronse os muros de silencio e recoñeceuse a loita que levaba a cabo desde facía 7 anos o CCE presidido por Carmelo Teixeiro. Unha loita que se viu plasmada no libro “Muros de Silencio”. Neses días espertouse na conciencia de moitas persoas un sentimento de rabia e loita que se reflectiu nas múltiples protestas nas rúas de Ferrol e en cidades de toda Galicia.

Unha das persoas que conseguiu, tras 8 anos de traballo, que rompesen eses muros de silencio, foi o noso compañeiro e amigo Carmelo Teixeiro. Unha persoa tenaz e cun espírito inquebrantable, que se mantivo firme desde o principio. A loita incansable de Carmelo polo desenvolvemento sostible da ría, revela unha personalidade especial que se foi contaxiando a moitos de nós.

Os compañeiros de Fuco Buxán e persoas que souberon recoñecer o seu traballo, realizamos unha pequena síntese do “seu compromiso social, político, cultural….. cos demais”. Intentamos reflectir en poucos minutos o seu traballo por unha sociedade máis xusta.

Quizá a súa imaxe tivo maior transcendencia pública polos acontecementos relacionados coa Planta de Gas e coa ría, pero moitos sabemos que o seu compromiso coa democracia viña de tempo atrás co seu paso pola JOC, USO-UXT, PSOE,….

Por iso queremos recoñecelo neste traballo e aínda que a el gustáballe pasar desapercibido, cremos que o seu labor ten que ser recoñecida para pasar a testemuña nesa loita.

Grazas a todas as persoas que colaboraron neste proxecto, achegando material, tempo e traballo. Fernando, Amadeo, Carducho, Mario. E de xeito especial a Jorge pola túa ilusión e o teu entusiasmo e por involucrarte do xeito en que o fixeches; e a Marichy, por esa sensibilidade que a caracteriza sempre.

Teresa Martínez (directiva de Fuco Buxán)

Tres poemas e tres carballos para Carmelo Teixeiro

Carta póstuma para Carmelo Teixeiro

Carmelo TeixeiroBenquerido Carmelo, hai uns días que cústame sentarme a escribirche esta carta que che debo, aínda que creo que ben sabes que non é necesaria. Pero, máis que por ti, e que me perdoen tanto miña prezada Victoria coma os teus fillos; sabes que é por min, unha especie de catarses, de enfrontarme a esta segunda orfandade. Sentimento que seguro que comparto con moita xente e moitas entidades, especialmente Fuco Buxán e o Comité Cidadán de Emerxencia.

Estes derradeiros dezasete anos estivemos xuntos día a día, traballando en diferentes proxectos, tanto a nivel político como socio cultural. Xuntos fixemos a campaña municipal de 1991, e até 1993 compartimos as tarefas de organización na Agrupación Comarcal Socialista. Unha vez fóra dos cargos orgánicos do partido, participamos na fundación da revista “Razón Socialista” en 1995. Esta quedábase pequena ás nosas ansias de traballar pola transformación social e pola unidade e a rexeneración das esquerdas, e no 1999 compartimos a creación da Asociación Fuco Buxán. Máis tarde, xa no ano 2001, fronte á ameaza de Reganosa xurdiu o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol. Máis, esta é só unha parte do teu compromiso; debemos cando menos engadilo teu papel no antifranquismo, e nas responsabilidades galegas na UGT e no PSdeG – PSOE. E, tamén, deixas dous magníficos documentos; o libro do que es coautor “Muros de Silencio” e a curtametraxe “Ferrol, pola vida e o mar”.

Demasiadas cousas xuntos e por iso esta carta écheme moi difícil. A túa será unha perda que non poderemos reemplazar – que non poderei reemplazar – e, por iso, non me queda dúbida que seguiremos a reivindicar o teu nome e o teu compromiso coa cidade de Ferrol, a súa ría e a comarca. Fronte aos que sempre corren para saír na foto, ti eras o traballo calado e continuo. Tiñas claros os obxectivos e a túa teima na procura dos mesmos: non parabas até conseguilos. Nunca tiveches unha mala palabra, nunca un rancor polos que nos ferían, polos que renunciaban. Sempre axudando e apostando porque cada un de nós, e dos que nalgún momento quixeron compartir algunha parte do camiño, sacáramos o mellor que podíamos dar. Contigo outro mundo era posible e sempre sementabas, porque eras consciente de que hai que continuar na tarefa de cambialo.

Sabes o meu medo, de non saber estar á altura do teu traballo. Teño dito que ti es produto da cidade de Ferrol, formas parte do mellor de nós, do noso compromiso cos valores humanos, democráticos e sociais. Tamén teño dito que segues os vieiros dos Xaime Quintanilla, de Julio Aneiros, dos Pillado… Espero, e ti ben sabes que unha das poucas cousas que lle pido a vida e non fraquear, que non me falten folgos para non defraudarme. Moito é o que fixéchedes, moito o que ti fixeches.

Dixen que a miña vida non sería igual se non nos houberamos encontrado, e é certo. Ademais, son moi consciente de que é verdade aquilo de “dime con quen andas…”. Grazas Carmelo por ter existido, por compartir con nós, e en especial comigo, todos estes anos. Un derradeiro abrazo.

Venres 15 Homenaxe a Carmelo Teixeiro (Enlace a convocatoria)

Domingo 17 Manifestación en Compostela: Galiza non se vende.

En Memoria de Carmelo Teixeiro Menéndez

Carmelo TeixeiroCon profundo sentimento comunicamos o falecemento do noso querido amigo e compañeiro Carmelo Teixeiro Menéndez, ocorrido hoxe día 5 de Febreiro, consecuencia da súa irreversible enfermidade.

Á súa esposa Victoria Fernández Paredes, a nosa compañeira, aos seus fillos Carmelo, José Ramón e Noé, familia e amigos,expresamos o noso fraternal e solidario abrazo.

Carmelo Teixeiro, Directivo desta Asociación e Coordinador do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol dedicou os dez últimos anos da súa vida a dirixir con eficacia, enerxía e constancia todas as actividades desenvolvidas en contra da ubicación da Planta de Gas, da defensa medioambiental de Ría e da vida dos seus habitantes.

Ademais, Carmelo Teixeiro desempeñou un importante papel na Transición política do noso país. Procedente das JOC, participou activamente no movemento sindical de Bazán dos anos sesenta (foi xurado nas eleccións de 1963) e na reconstrución do movemento socialista na comarca, pois foi fundador da USO, posteriormente dirixente da UXT e formou parte da dirección do PS de G-PSOE, desde 1978, tamén a nivel de Galicia.

O seu traballo sempre intenso, desinteresado e discreto, ao longo de toda a súa vida, polas causas sindicais, políticas e sociais, fai que nós – os seus compañeiros de tantos anos – sintámonos enormemente orgullosos e agradecidos de compartir con el amizade, inquedanzas e tarefas.

O seu exemplo e a súa memoria compartida alentaranos sempre e estimularanos a seguir desenvolvendo cantas actividades contribúan a facer realidade o proxecto social que esta Asociación Cultural persegue.

Invitamos a toda a sociedade, cidadás e cidadáns, asociacións, entidades e institucións, a mostrar a solidariedade coa súa persoa, a súa acción e o seu pensamento, participando nas súas honras fúnebres que terán lugar:

Mércores 6 de Febreiro ás 18 h. no Cemiterio de Catabois (Ferrol)

Velatorio: Tanatorio Artabria – nº 5 – (A Gándara – Ferrol)

En Ferrol, a 5 de febreiro de 2008

A. C. Fuco Buxán

In Memoriam

16.jpg27.jpgiaacdiazpardo_fucobuxan.jpgCarmeloTeixeiro_VictoriaFdezantecarcereteixeiro4.jpgcociudem_llamazares270606.jpgentregafirmas070907.jpgvisitabiologos.jpgxeral_mesa_1.jpgportadalibroria.jpg

Youtube: Ferrol, polo mar e a vida

Páxina seguinte »


Temas

Arquivos mensuais

Racha o muro!

Perfil de Facebook de Manuel Cendán.

Máis Cidadanía

Internet Blog Serial Number

Internet Blog Serial Number 1967-72-04-08