Represión brutal en Ferrol

Cando saía do traballo, foi na Radio Galega onde por boca do periodista ferrolán Pichi Varela, souben que os aplausos dos concentrados diante do Xulgado ao Patrón Maior, Bernardo Bastida, e un pequeno empuxón serviron de escusa á policía para cargar brutalmente contra os cidadáns.

É lamentable que Reganosa este a conseguir que os poderes públicos sigan as súas consignas. E cométese un grave erro xudicial e a indefensión dos cidadáns, contra os abusos empresariais e das administracións.

Levamos anos de xulgado en xulgado, cos recursos contra a instalación da planta de gas, e nunca vimos que se actuara coa mesma contundencia contra as ilegalidades de Reganosa e os seus cómplices. A prisión incondicional decretada contra o Patrón Maior, non polo acontecido cos gaseiros, senón por outros procesos que seguen abertos, amosa que a operación política contra os defensores da vida e da nosa ría estaba ben planificada.

Ao igual que a operación militar que onte mércores deixou illada a ría de Ferrol. En todo caso, o achegamento das barcas ao gaseiro, xa atracado no peirao da planta de gas, amosa, unha vez máis a falta de seguridade para as persoas. Onte, dirixentes sindicais evidenciaban a non existencia dun Plan de Emerxencia para a poboación, e que desde a regasificadora din que é competencia da Xunta de Galicia.

Pero, está claro que nesta loita os argumentos técnicos, medio ambientais, de defensa da nosa ría e das nosas vidas, non van valer nada, ou iso queren. Teñen decidido que debemos fincar os xeonllos ante Reganosa. Só unha axeitada e fría resposta cidadá pode poñer as cousas no seu sitio, sobre todo porque hai quen quere provocar unha saída irracional á situación, violentando o estado de dereito.

Para este domingo está xa convocada unha manifestación, ás doce do mediodía, para esixir que a planta de gas sexa traslada ao Porto Exterior, en defensa dos dereitos fundamentais, entre eles o dereito a vivir sen perigos, de solidariedade con Bernardo Bastida.

Ao saír do traballo, compañeiros meus comparaban o acontecido con Marzo do 72. Probablemente, pouco teña que ver. Máis, é a referencia dunha loita democrática contra as inxustizas e de defensa da democracia, cando ademais os poderes públicos teñen abandonados aos cidadáns.

Moita calma. Esta é unha loita moi longa, que deberemos saber gañar a pesar dos atrancos e as provocacións. Calma, moita calma. Usemos a cabeza.

 

Fotos

Enlace Audio Radio Galega 30maio2007

En español

Na ría de Ferrol: ¡Bastida Liberdade!

Bastida retidoCheguei hai pouco do Cuartel da Garda Civil, situado no barrio de Canido, onde teñen detido ao Patrón Maior da Confraría de Pescadores, Bernardo Bastida. Xa sabedes que os cidadáns da ría de Ferrol foron quen de deter a entrada ilegal dun novo gaseiro para Reganosa, o Mourad Didouche, que agora está fondeado na ría de Ares, co obxectivo de intentar asaltar a ría ferrolá na tarde de mañá.

Aínda que xa un está curtido nestas lides, sigo sorprendéndome de cómo aqueles que tiñan que defendela legalidade vixente en materia de seguridade marítima e a vida dos cidadáns, convértense en forza de choque dos intereses espúreos dun grupo de depredadores económicos que lle importa un carallo o respecto aos dereitos cidadáns.

Hoxe houbo represión tanto no mar, como en terra. As grandes barcazas da Garda Civil intentaron tirar ao mar á xente que ía nas pequenas embarcacións que frearon a entrada ilegal do gaseiro, e en terra fun testemuña en primeira persoa de cómo as forzas policiais agredían, persoas maiores a maioría, que só estaban a aplaudir e recibir aos traballadores/as do mar e aos dirixentes cidadáns que chegaban ao embarcadoiro. Unha mágoa que isto pase en democracia.

Alí estábamos un fato de xente pacífica que non somos precisamente un problema de orde público. Cidadáns sen adscricións, membros das asociacións ferrolás, coñecidos militantes nacionalistas como Luísa Sabio, de esquerda unida e do partido socialista. Xente pacífica que defenden a legalidade vixente en materia de seguridade e o seu dereito a non ter ameazada a súa vida.

A Policía Nacional detido a Bastida, e curiosamente levouno ao cuartel da Garda Civil en Canido. Non detiveron nin aos dirixentes do Comité Cidadán, nin a Yolanda Díaz voceira de Esquerda Unida, que baixaban das embarcacións. Supoño que é unha estratexia para dar a impresión de que esta é só unha loita dos mariscadores. Equivócanse, esta é a loita dun pobo contra os que ameazan a nosa vida e incumpren a legalidade vixente en materia de seguridade e medio ambiente.

“Compañeiro” Ameijeiras: ¡así non se fan as cousas! Deben saber os irresponsables políticos que dan cobertura ás ilegalidades de Reganosa que están asumido a peor herdanza do fraguismo. Asumen unha grave responsabilidade persoal, están encadeándose ao que pase coa planta de gas. ¿Estades dispostos a asumir un accidente grave na ría de Ferrol por culpa da tolemia de Reganosa?

Isto non será esquecido polos cidadáns, e máis pronto que tarde terán que dar conta das súas accións.

Así que: ¡Planta de Gas fóra da ría de Ferrol! ¡Bastida Liberdade!

Para máis información, pincha aquí.

 

Post Data: Xa hai unha nova convocatoria para mañá ás 3 da tarde (ver aquí). ¡Se podedes, ide!

Nota do 30 de maio: Concentración no Porto ás tres da tarde. Déixovos cunha serie de fotos que acabo de subir á páxina do Comité Cidadán feitas o día 29.

Ferrol á esquerda (unha análise rápida)

Logo PSG - PSOEQuero empezar cos parabéns ao meu novo alcalde Vicente Irisarri, a Iván de Fene, a Katy de Narón (¡aguantade as presións de Gato e os seus amigos!), Armada de Cariño… (que perdoen os non nomeados/as).

A verdade que os resultados foron moitísimo mellor do que eu contaba. No post anterior hai evidentemente erros de apreciación pola miña parte. Quizais un exceso de prudencia, levar vinte anos asistindo ás mesas electorais e o clásico intercambio 13/12 entre a dereita e a esquerda ferrolá, fixeron que non captara ben a profundidade do cambio na miña cidade.

¿Que fai que as dereitas, PP e IF, queden fóra de xogo en Ferrol?

1) Reganosa metendo o primeiro gaseiro (anúnciase xa outro para esta tarde, asistide á concentración no Porto de Curuxeiras a partir da 13.30 horas se podedes), e Fuco Buxán coa edición do libro “Muros de Silencio”; meteron no centro do debate electoral os riscos que para a poboación da ría de Ferrol supón a tolemia de instalar a planta de gas en medio dela.

2) Durante todo este mandato o goberno saínte de PP e IF tiveron fronte a eles aos movementos sociais e veciñais: Edificio da Praza de España, Menáncaro, Sartaña…

3) Vicente Irisarri, aparece como un candidato solvente e que lle permite, nun momento de non loitas internas, capitalizar o descontento social, a presenza socialista na Xunta e no Goberno de España.

4) Yolanda Díaz e Esquerda Unida, vinculándose aos movementos sociais e ás demandas sociais, especialmente a oposición contra Reganosa, duplica resultados. (Permitídeme que felicite a amiga Yolanda).

5) Dúas formacións: PP, e neste caso o BNG, que retiraron os contenciosos xudiciais do Concello de Ferrol contra Reganosa son os grandes perdedores. Juncal perde a Alcaldía, e probablemente, tras o resultado do PP na cidade da Coruña a presidencia provincial do partido.

No caso nacionalista, o apoio do ferrolán Paco Rodríguez – secretario xeral da UPG – a Reganosa fai que en Ferrol rompan o seu chan histórico electoral, caendo a dous concelleiros, perdendo tamén a alcaldía de As Pontes, a isto hai que sumarlle a perda de Fene, que xa ten a Iván como novo alcalde in péctore. (Post data: a venda de Astano a “Barreras” non parece que teña moitos seguidores neste concello).

6) No caso de IF, o outro gran perdedor, pagan a súa xestión urbanística no Concello de Ferrol.

Agora, tras o acordo estatal entre PSOE e IU para formar gobernos municipais, obviamente sería desexable reproducilo en Ferrol. Creo que debéramos, se o BNG quere, facer un tripartito unha vez que quede asegurado este novo pacto de progreso na cidade (a suma de PSOE e EU son maioría absoluta).

Apunte final: esta é unha nova oportunidade histórica que os socialistas deberamos aproveitar para defender as nosas posicións de esquerda, de defensa dos cidadáns e desta nosa comarca. Temos votos e forzas para esixir o noso peso específico, igual que os resto das grandes áreas metropolitanas en Galicia. Depende da nosa determinación.

Non defraudemos as expectativas que os cidadáns depositan en nós.

Ferrol, quinielas electorais e resultados abertos

Hai moitas quinielas estes días. As enquisas dos medios de comunicación reflicten que cando menos na cidade de Ferrol os resultados están moi abertos. Con Reganosa no centro do debate electoral, as súas ameazas á poboación e as súas ilegalidades; un vinte cinco por cento de indecisos e moitos que están a mudar de voto.

Segundo esas enquisas, Vicente Irisarri vai ser alcalde polo PSOE, cunha Esquerda Unida da amiga Yolanda Díaz que aínda non tocou teito (xa lle dan que duplica os concelleiros), e que estes días asinaba a súa autoinculpación contra Reganosa.

O que si sabemos é que no BNG teñen asumido a perda da metade dos seus actuais concelleiros. Paco Rodríguez, secretario xeral da UPG e principal valedor no BNG de Reganosa anda histérico. Parece que non lle gusta o retrato que teñen del na sociedade ferrolá e que se reflicte no libro publicado por Fuco Buxán. Paco: Cada un recolle o que sementa.

Dentro do campo da dereita creo que as cousas van estar tamén máis equilibradas, xuntos terán un máximo de doce concelleiros. Juan Fernández e os seus independentes poden acabar capitalizando unha parte do rechazo dos votantes do PP a Reganosa.

En resumo: en Ferrol a dereita pasará a oposición. A esquerda creo que ten asegurada os trece concelleiros necesarios para gobernar.

Con respecto ao resto da comarca creo que Iván Puentes vai ser alcalde de Fene, sendo a lista electoral máis votada. O amigo Iván é todo un descubrimento para o PSOE cos seus vinte e oito anos. Sen dúbida é xa unha figura emerxente no campo socialista, xunto coa candidata do PSOE naronés, Catalina García.

Acto PSOE Narón nas Ferrer�asEn Narón fronte a un Xoán Gato esgotado e cunha deriva dereitista chamada Terra Galega, xunto cunha suba importante para o PSOE (pasará a 3 ou 4 concelleiros), e creo que as demais forzas naronesas tamén mellorarán algo os seus resultados electorais, probablemente asistamos á perda da súa maioría absoluta. Neste Concello vaise abrir unha etapa moi interesante xa que na campaña electoral todas a forzas políticas que compiten co alcalde saínte dixeron que non van pactar con el.

Gato deberá, sendo así, gobernar en minoría e abriríase unha nova cultura política en Narón baseado no diálogo e os acordos múltiples. No resto da comarca, agás Cabanas cunha situación especial, creo que a tónica xeral será para o PSOE repetir resultados ou subas.

En fin, son quinielas e os cidadáns teñen a palabra. Eles deciden.

Palestina desángrase

Abaixo o Muro de IsraelPalestina desángrase. Antonte oía as declaracións de Mr. Pesc, o compañeiro Javier Solana, que pedía aos palestinos a “renuncia á violencia” e a Israel “unha resposta axeitada”.

Indubidablemente, hai que rechazar todo tipo de violencia, sobre todo se hai vítimas civís. Mais, a petición de Solana aos palestinos non deixa de ser unha humillación máis. É como si á muller violada se lle pide que conteña a súa rabia, e aplaudimos ao violador.

Estamos onde estamos por culpa da Unión Europea. Obrigamos aos palestinos a facer eleccións democráticas en condicións infrahumanas e despois non aceptamos os resultados electorais.

Somos copartícipes da limpeza étnica que Israel está a practicar co pobo palestino. Israel, onde a democracia está secuestrada por unha mafia militar – relixiosa, ten decidido que non existe futuro para unha Palestina libre.

Teñen decidido a anexión dos territorios ocupados e de Xerusalem. Cidade onde non só a poboación cristiá e mulsumán, senón os israelitas laicos están a ser expulsados (estes últimos polo aire abafante que destrúe a convivencia e a tolerancia), en favor da colonización ultraortodoxa xudía.

O Muro de Israel é hoxe o seu principal instrumento de colonización, de exterminio, de limpeza étnica. Non se deixa saída aos palestinos. A degradación social na que viven tanto nos territorios ocupados, como nos campos de refuxiados no Líbano, produto do fascismo israelí e da nosa indolencia, está dando lugar a un reforzamento do fundamentalismo, e a aparición de diversos grupos delictivos que se aproveitan da falta de perspectivas.

Hoxe nin Al Fatah, nin Hamás, poden garantir o benestar nin un futuro para o seu pobo. Palestina, é un inmenso campo de concentración, onde os ocupantes israelís xogan á ruleta rusa coas vidas das persoas. No Líbano obrigouse aos palestinos a vivir á marxe, sen traballo, sen dignidade.

O que está acontecendo é o fracaso da política dos EEUU e da covardía da Unión Europea. Senón paramos o xenocidio do pobo palestino, senón paramos a Israel, mañá lamentaremos a nosa traizón aos dereitos humanos, aos valores democráticos e da paz.

Canto tempo tardaremos en caer na barbarie, se xa somos miserables. Miserable Europa.